REDACCIÓN
O sector crítico do PSOE vigués, encabezado por Gonzalo Cabaleiro, solicitou á Comisión Executiva Nacional Galega do partido que interveña para garantir a "limpeza" da asemblea que os militantes celebran o xoves para elixir á Executiva local. A corrente alternativa á liña oficial considera necesaria a vixilancia do proceso ao afirmar que se produciron "graves irregularidades de forma continua" durante as últimas convocatorias.
"Solicitamos que a Executiva galega envíe observadores e que se garanta a presenza de apoderados e interventores nas urnas e na acreditación, a confidencialidad do voto secreto, que a votación teña lugar na mesma sala onde secelebre na asemblea, que se desenvolva cos asistentes, que se depure o censo e que non se utilice o poder municipal para presionar aos militantes", indican os críticos.
Na cita electoral Cabaleiro medirase polo liderado da agrupación viguesa con Manel Galego, actual secretario xeral local e que opta a revalidar o cargo. Galego garantiu onte a "limpeza" e a "transparencia" da votación e acusou á Gonzalo Cabaleiro de buscar escusas para xustificar as súas derrotas. "É o sector perdedor, non ten apoios e quere xustificarse", sinalou.
O ex alcalde Carlos Príncipe, pola súa banda, anunciou onte que apoiaría a candidatura de Gonzalo Cabaleiro co obxectivo de "rexenerar" o PSOE. "É necesaria a unidade dos demócratas e a nosa xente ten claro a quen hai que apoiar", sinalou tras aclarar que se superaron "pequenas divisións". Ademais, Príncipe cre que "o máis importante é devolver o PSOE á cidade" e advertiu de que había alteracións no censo. "Haberá moita participación e será difícil lograr o 20%", sinalou.