O martes pola noite comunicábase oficialmente a modificación do calendario da liga para o Iberconsa Amfiv e o resto de equipos da competición en División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas. Tras o súbito anuncio hai dúas semanas do adiamento do Mundial que se ía a celebrar este mes de novembro, os clubs, as federación e a propia liga comezaron a traballar para tentar axustar o calendario ás novas circunstancias. Nun principio o mes de novembro expúxose como catro semanas de parón competitivo mentres se celebraba o campionato mundial pero, co atraso do mesmo e a necesidade de ter aos xogadores convocados polo menos un mes antes do comezo coas súas respectivas seleccións, eran necesarias medidas.

Tras varios días de reunións e deliberacións, o conxunto de implicados acordou a solución máis sensata: adiantar as tres últimas xornadas de liga a novembro e deixar o resto de datas tal e como estaban no calendario orixinal. Desta forma as tres últimas semanas de novembro disputaranse as xornadas 20, 21 e 22 que, orixinalmente, ían disputar durante o mes de maio. No que ao Iberconsa Amfiv respecta, iso quere dicir que o 12 de novembro enfrontarase en casa a Ilunion, a xornada do 19 de novembro viaxará a Leganés e o día 26 recibirá en casa ao ADM Econy Gran Canaria. Con estes cambios, a loxística planificada polos distintos clubs de face ás distintas viaxes da tempada queda relativamente intacta e os xogadores convocados polas súas respectivas seleccións terán todo o mes de maio para incorporarse ás concentracións dos seus equipos nacionais.

José Antonio Beiro, presidente do Iberconsa Amfiv. MARTA G. BREA

O presidente José Antonio Beiro compartía a noticia coa tranquilidade de tentar buscar a mellor solución posible. “Creo que é a mellor solución posible. Non estaba xustificado deixar novembro sen competición tendo en conta do adiamento do Mundial e mover as tres últimas xornadas era a decisión menos problemática. A maior parte do calendario queda como estaba e desta forma os xogadores e xogadoras convocadas polas súas seleccións teñen tempo de incorporarse aos seus equipos todo o mes de maio. A noticia do adiamento do Mundial pillounos a todos co pé cambiado pero, unha vez coñecida, era o momento de tomar decisións da forma máis unánime posible e creo que, teniendo en conta as circunstancias, é a mellor opción que tiñamos".

 La pretemporada do Iberconsa finaliza o próximo fin de semana coa disputa do Torneo Internacional de Lisboa e en dúas semanas a liga comeza no Berbés ante o Amiab Albacete.