Solidariedade
Bombóns por Noelia, a familia da médica estradense falecida aos 26 anos réndelle homenaxe apoiando a investigación en cancro
A familia de Noelia Gestoso, falecida de cancro aos 26 anos, lanza unha edición especial de bombóns artesáns para financiar a investigación do grupo de Inmunología que lidera África González na Universidade de Vigo

A médica estradense Noelia Gestoso faleceu este verán aos 26 anos. / DUVI
«A miña irmá era unha persoa moi especial, desas que fan do mundo un lugar mellor. Tiña unha bondade moi xenuína, sempre puña aos demais por diante e enchía de ilusión todo o que facía. Isto foi sempre así e non cambiou durante a enfermidade. Seguiu chea de optimismo e repetíanos moitas veces o feliz que era e que fora durante os seus 26 anos. E foi incrible ver como, a pesar de todo o sufrimento que pasou asociado ao cancro, sacou forzas para sosternos a todos».
Nerea Gestoso recorda así á súa irmá maior Noelia, que realizaba a súa residencia en Pediatría no Hospital de Valdecilla en Santander cando en setembro do ano pasado foille diagnosticado un adenocarcinoma gástrico metastásico. Despois de un tratamento que combinaba dous tipos distintos de quimioterapia e unha inmunoterapia específica para un marcador que tiña o seu tumor, a Claudina 18.2, a moza falecía o pasado mes de xuño.
Tal e como relata no diario dixital da UVigo (DUVI), Nerea, que é investigadora posdoutoral no Centro de Investigación do Cancro de Salamanca, decidiu materializar unha idea da súa nai, Montse Uzal. E xunto ao seu pai Juan Gestoso e Cristina Pazos, a súa socia na empresa Dubraseda, lanzaron unha edición especial de bombóns artesáns co nome de Noelia para doar o diñeiro recadado ao proxecto Alacarta, que desenvolve o grupo de Inmunología da UVigo.

Integrantes do grupo de Inmunología da UVigo con e pai de Noelia e a súa socia. / Duvi
Os camiños da familia Gestoso e do grupo que dirixe a catedrática África González cruzáronse por primeira vez a finais do ano pasado, catro meses despois de que a Noelia fose diagnosticada a súa enfermidade e iniciase un tratamento cada tres semanas que combinaba dous tipos de quimioterapia e unha inmunoterapia específica para a Claudina 18.2.
«A súa enfermidade foille diagnosticada nun estado avanzado e tiña unha alta agresividade. A pesar da boa resposta ao tratamento que tivo inicialmente, sentiamos que debiamos ir buscando opcións a futuro por se iso non era suficiente. En decembro do ano pasado decidín contactar coa profesora África González tras atopar a súa investigación nunha procura profunda sobre posibles terapias innovadoras que puidesen axudar á miña irmá, explica Nerea Gestoso, que destaca «o valor» do traballo que realiza o vigués, «xa que pode ser a única oportunidade para moitos pacientes con cancros tan agresivos como o de estómago ou de páncreas».
O equipo de África González comezou fai catro anos cun proxecto concreto de terapia CAR-T, unha terapia celular personalizada que se basea en potenciar as defensas do paciente para que vexa e elimine mellor o tumor, utilizando para iso células inmunitarias do propio paciente.

Edición dos bombóns Noelia. / Duvi
«Iniciamos un proxecto para desenvolver unha terapia celular fronte ao cancro gástrico e pancreático que expresase un marcador determinado, que non adoita estar en células normais», explica África González, que recorda que buscaban unha terapia dirixida e centráronse na molécula Claudina 18.2.
«Concedéronnos un proxecto modesto no plan Next Generation que axudou a avanzar e que denominamos Alacarta. Iniciando o proceso desde cero, desenvolvemos primeiro anticorpos específicos fronte á proteína, e asegurámonos de que non recoñecía outras moléculas similares, para dar daquela o salto ao desenvolvemento dunha terapia celular. Solicitamos unha patente europea, que estamos actualmente en proceso», explica.
Tras contactar co grupo, África González confirmoulle a Nerea Gestoso que aínda non tiñan a aprobación clínica para utilizar a terapia de CAR-T e que aínda estaban en fases moi iniciais. «Que saibamos, somos o único grupo en España traballando neste tipo de terapia para cancro gástrico Claudina 18.2+. A nosa terapia está aínda en fases preclínicas (modelo animal) e estamos a traballar para que sexa unha realidade na clínica, pero isto require de moito esforzo, tempo e financiamento», explica a catedrática, que avanza que están a intentar optimizar a terapia celular para diminuír a toxicidade e aumentar a eficacia.

Noelia e Nerea Gestoso, nunha foto familiar. / Duvi
Deportista e pediatra que destacaba polo seu trato próximo con pacientes e familiares
Noelia tamén desenvolveu unha destacada carreira deportiva xogando co Bádminton A Estrada e o Ravachol de Pontevedra, sumando 24 medallas en campionatos autonómicos, nove títulos e dúas medallas en campionatos de España, ademais de numerosas convocatorias coa selección autonómica e competicións internacionais.
O diagnóstico chegoulle cando estaba no seu segundo ano de residencia en Pediatría no Hospital Universitario Marqués de Valdecilla. Alí exercía unha profesión que sempre lle gustou e na que «destacaba polo trato próximo con pacientes e familiares», recorda a súa irmá Nerea, que actualmente se dedica no Centro de Investigación de Cancro de Salamanca, no laboratorio dirixido por David Santamaría, ao estudo de tumores con alteracións en KRAS , que foi precisamente a mutación que se atopou no tumor de Noelia.
«Pola nosa formación, as dúas tiñamos un coñecemento importante da súa enfermidade, coa parte boa e a mala que iso leva. No entanto, algo que foi moi sorprendente e duro para min foi vivir de primeira man o ríxidos que son os protocolos médicos e o complicado que é o acceso a ensaios clínicos ata en situacións críticas, cando poden ser a única opción de sobrevivir dos pacientes», lamenta Nerea, que asegura que tivo «un sentimento de ir sempre por detrás» da enfermidade. «O sistema debería cambiar para que todo isto deixe de ser así», sostén.

Cristina Pazos, Juan Gestoso e África González. / Duvi
Como investigadora que leva anos «vivindo de primeira man as condicións e dificultades desta carreira no noso país», Nerea Gestoso defende a necesidade de facer un maior investimento en investigación para conseguir avances importantes en enfermidades tan complexas como o cancro.
Precisamente, realizar unha doazón para impulsar a investigación é unha das motivacións da familia de Noelia para pór á venda unha liña de bombóns artesáns. Coa recadación obtida aspiran a «axudar un pouquiño a unha investigación que poida mellorar o prognóstico e alargar a vida de pacientes como ela"
«O grupo de Inmunología pareceunos un bo candidato, xa que están a traballar precisamente coa súa enfermidade concreta», explica Nerea Gestoso. O proxecto solidario xurdiu e levou a cabo nun período curto de tempo, pero a familia está decidida a mantelo no futuro «sempre apoiando a ciencia e a investigación mentres recordamos á miña irmá, facendo edicións especiiles de distintos produtos de Dubraseda por e para ela».
«De orgullo e responsabilidade» cualifica África González a decisión da familia de Noelia Gestoso de doar os beneficios da venda dos bombóns ao seu equipo de investigación, que hai anos recibiu unha doazón dun grupo holandés para traballar en cancro despois de un familiar falecese desta enfermidade.
Como colaborar
En caixas de 15 pezas, os bombóns artesáns da edición limitada Noelia poden adquirirse en tendas gourmet e outros negocios en diferentes puntos das catro provincias galegas como Pontepan, Terra Ibérica, Copena, Pernas Multicentro, Amaranto, Bakery Concept Store e Distribucións Troulo. Tamén se distribuirán en puntos do resto de España, concretamente en Barcelona (Espinaler), Zaragoza (Pannitelli Orixinal Bakery) e Cantabria (Sobaos o Macho), así como de forma presencial na sede da empresa Dubraseda, no polígono de Augalevada en Noia.
- Un explosivo na sede de UXT en Vigo embaza a xornada de folga
- Vigo busca atraer a traballadores desprazados cunha nova fórmula de aloxamento temporal: o aluguer executivo
- O cruceiro «MSC Virtuosa» cancela a súa escala na Coruña polo temporal e adianta un día a súa atracada en Vigo
- Multa de 407.690 euros a catro funerarias por repartirse os traslados do Imelga en Vigo e Pontevedra
- Non hai diluvio que pare á clase obreira: as mobilizacións en Vigo
- Abel Caballero suma a Goberno e Celta na súa reunión con Xunta e Deputación para a reforma de Balaídos
- Prisión por insultar a unha menor nun Vitrasa por racismo
- O reto de xulgar a un enfermo terminal